Pallella

 -¡Pallella! ¡Xa estou!

- A ver que che poño o pantalón.

- ¡Non! ¡Aínda vou durmir máis!

- Bueno carallo bueno...

- ¡Xa estou!

- A ver...

- ¡Non non, aínda non!

- ¡¡Ai que carallo Dieghiño!!

- ¡Agora si!

- Non me rompa-la cabeza ¿eh? Veña, que xa está o chocolate a facer. Vai chamar tua nai e aínda estamos así.

Na cociña xa cheira aquel chocolate que fai cunhas tabletas gordas e vermellas, nas que sae un negriño. Salto da cama e vou correndo.

-¿Quéreslle sopas de pan?

-¿Son as do porco?

- Mala chispa te coma... ¡Como van ser as do porco! Acaba que imos soltar ós pitos.

As galiñas durmen ao lado do muiño do millo. Sempre me deixa abrir a portiña pequeña pola que saen. Dame un pouco de medo, porque xa me picou un galo unha vez de pequeno, pero agora xa son maior e a pallella deixame facer a mistura do millo moído, o pan de onte e as sobras da cea da noite.

- Eu ó porco non lle dou. Miro dende atrás. Pero non lle pegues ¿eh? ¡que sempre lle pegas co pau!

- ¡E que este porco ten moito vicio! Vai onda Farruco e máis a Mora, que esperten.

A Pallella ponlle un cacharro de ferro verde ao burro e levámolo ao monte. 

- Ti colle os pauciños pequenos que eses prenden ben. 

- Buff... ¿despóis lévasme ao Picho a comprar un cropán? 

Voltamos á Presa. Eu nun dos lados do cacharro verde e a leña noutro. Ela vai andando, que non se cansa. Eu non sei como non se pode cansar, co cansado que estou eu... Onte fumos a unha misa non sei onde e erguémosnos cando aínda era de noite. Levounos un veciño e vomiteille todo o coche porque era moi lonxe e a min madrugar séntame moi mal. A ela non.

- ¿Que imos comer hoxe Pallella?

- ¿Xa tes fame? ¡Arnéghoche demo! Hoxe hai bacallau que o puxen a desalar onte a noite.

Cando comemos bacalao sempre soa unha radio vella que temos alí enriba colgada. A min paréceme un pouco aburrido porque non entendo nada e sempre é a mesma música as horas en punto. Como xa son maior xa sei as horas, porque a miña madriña regaloume un reloxo de Mickey Mouse orixinal. Sonia díxome que cando non había minutos, dícese "en punto", pero eu penso que "en punto" sempre é, porque os reloxos son exactos.

Pola tarde ven Cora e iremos buscar un tesouro escondido arriba no pozo, pasando polo pazo da morte, que é un sitio cheo de caveiras que atopamos a semana pasada (o nome púxollo Cora, pero seguro que lle dí a tía Isabel que fun eu).  A ver se quere ir, porque como xa hai moras igual facemos o noso zumo especial para vender a xente que veña.

- Dieghiño, ponme ahí Colombo que vai comezar.

- ¿Por qué fala así Colombo, Pallella?

- Porque os detectives falan así, ¿ti coñeces alghún detective?

- Pois non...

Cando me dou conta a Pallella xa está a durmir. ¡E iso que acaba de comezar o Luar! A mín gústame o Luar porque cantan e bailan. Cando a Pallella queda durmida póñome un pouco triste porque boto de menos a mamá, pero despois penso que as pernas da Pallella son máis frescas e prefiro durmir con ela. Ademáis as veces con mamá teño medo se non está papá, pero coa Pallella non, porque ela colle un pau e pode con todos.

Escoítanse as pingas do vertedoiro da cociña retumbar no pasillo. Unha, duas, tres... Penso que a Pallella é moi valente por vivir nunha casa con tantas pantasmas sen ter nada de medo. Arrímome a ela para que me dé o fresquiño na pel e penso que igual mañán atrévome a darlle de comer eu ao porco. Quedo durmido.

Hoxe pensei que empuxar esa caixa ao fondo da eternidade era a única maneira de demostrarche que eu tamén teño un pouquiño da túa valentía. Ti non pesabas Pallella, pero todo o cariño e amor que me deche estes trinta e cinco anos, pesáronme un feixe de millo.

Oense as pingas caer enriba da máscara negra. Unha, duas tres...




Arosa

1 comentarios:

Amedio aquis 7 de septiembre de 2021, 10:39  

As veces eu tamen teño medo de noite, e xa son mayor.
Cando viu a pallella con os seus noventa anos e despertaba con un ruido de noite, non tiña medo pensaba está mamá, xa durmia tranqui. Era muito, pero sigue aquí dandonos forza e qutandonos os menos. Pallella e naiciña canto te extrañamos.

Publicar un comentario

Plasma e firma

O que me vai facer famoso

O que quero que vexas

¿De qué quieres trabajar?

Todo huele diferente. El primer día me tomé un vermú. Técnicamente ese día todavía estaba de alta en la empresa de fabricación de bloques en...